Saturday 04 de May de 2024

A orquestra e o coro Gaos tocarán en favor da Federación Galega de Enfermidades Raras o día 20 no teatro Colón


 

O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, presentou unha cita, na que interpretarán un repertorio popular e cuxa recaudación irá destinada ao programa asistencial sociosanitario da entidade

O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, presentou o concerto que darán o coro e a orquestra Gaos do día 20, ás 20.30 horas, no teatro Colón en favor da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec), un espectáculo con máis de 170 músicos que interpretarán un repertorio moi especial, conformado por cancións de Abba, The Beatles ou do musical de Los Miserables… O edil destacou o carácter solidario dunha cita na que intervirán as distintas formacións da entidade cultural e que se completará coa habilitación dunha fila cero con número de conta ES62 2080 0004 5430 4001 5976, indicando “Fegerec” como concepto, “para as persoas que non poidan asistir ou que queiran realizar un donativo a maiores”. O presidente da Orquestra Gaos, Alberto Fernández, explicou que levan dez anos celebrando o concerto de Nadal e que quixeron retomar a vertente solidaria para poñer en valor a mensaxe da Fegerec. Pola súa parte, o director Fernando Briones adiantou que o programa será moi popular e divertido cunha primeira parte na que tocarán a “Suite para orquestra de jazz” de Dimitri Shostakóvich, de vals e polcas rusas, para pasar a unha segunda parte cos coros, na que non faltarán as panxoliñas e unha sorpresa final: “Están moitas entradas xa vendidas así que animo a que se dean présa que non chegan”.

A presidenta de Fegerec, Francisca Luengo, agradeceu que do mundo da cultura xurdan estes xestos solidarios, sobre todo, cunha “asociación máis pequeniña como a nosa en canto que os males que engloban son minoritarios, que non os socios/as e afectados/as. Son 7.000 enfermidades e en Galicia somos máis de 200.000”.

Carmen López, a directora sociosanitaria, falou de que o recital do 20 é un exemplo do que necesitan as enfermidades pouco frecuentes, que é o apoio da sociedade civil e a administración pública. Afirmou que desde Fegerec están moi acostumados e acostumadas a seren invisibles para o resto da xente, polo que o feito de que Gaos contara con eles “denota unha gran xenerosidade e compromiso coa mala saúde dos demais”. Neste caso, o diñeiro recaudado irá destinado ao programa asistencial sociosanitario, no que traballan 23 profesionales para cubrir de maneira sostible unha parte das necesidades dos enfermos e enfermas con tratamentos que desde o sistema público se abordan de xeito moi fragmentado e que atenden aos ámbitos da fisioterapia, terapia ocupacional, traballo social, mediación xurídica, logopedia, psicoloxía ou orientación á busca de diagnóstico. López recordou que máis do 50% das persoas afectadas corresponden a unha poboación pediátrica, o
80% teñen males cunha orixe xenética e moitos son hereditarios, polo que “non hai mellor forma de evitalas que prevelas. O que obteñamos deste xesto destinarase a empezarmos a traballar o consello xenético”. As entradas poden adquirirse a través da ligazón web: http://www.teatrocolon.es/es/evento/orquestra-gaos/ ou na taquilla do teatro Colón.